quarta-feira, 5 de março de 2014

Información do pleno do 4 de febreiro de 2014 concernente ás piscinas municipais

No pleno do pasado 4 de febreiro de 2014 foron varios os puntos da orde do día que facían referencia ás piscinas. Concretamente os que, de seguido, nomeamos:

4.- Aprobación inicial, se procede, do Regulamento de Funcionamento do servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos.
5.-Aprobación inicial, se procede, da Ordenanza Fiscal reguladora do precio público pola prestación do servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos.
6.-Aprobación definitiva, se procede, da Memoria xustificativa da xestión directa do servicio de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos, e pronunciamento expreso do Pleno sobre as reclamacións presentadas.
7.-Dar conta do ditame do Consello Consultivo de Galiza no Expediente de resolución de contrato de xestión de servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos, e adopción de acordo polo Pleno no expediente de resolución de contrato.
8.-Adopción de acordo, se procede, de adopción das medidas legais  oportunas para a reclamación das cantidades adebedadas ao Concello de Chantada pola empresa adxudicataria da xestión de servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos.
 
 
 
 
O Regulamento (punto 4) das piscinas aprobouse por unanimidade, após incorporárense as correccións achegadas polo Grupo Nacionalista no artigo 6, que orixinalmente recollía o que segue: Quedará prohibida a entrada na instalación ás persoas que padezan algunha doenza transmisíbel, especialmente afeccións cutáneas suspeitosas, podendo ser recoñecidas, para estes efectos por persoal sanitario da piscina. Para alén do despropósito do articulado, da discriminación e da arbitrariedade que recolle, que titulación ten o persoal sanitario da piscina para poder distinguir unha erisipela dunha roncha vulgar?

A Ordenanza Fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos foi aprobada cos votos de INTA e e do PP. 
 
O Grupo Nacionalista e o PSOE votaron en contra porque acreditan que se deberían declarar bonificacións da taxa aos pensionistas maiores de 65 anos cunha pensión inferior a 1'5 veces o SMI (Salario Mínimo Interprofesional), así como aos demandantes de emprego que se encontren en dita situación durante 2 dos 3 últimos anos e persoas con discapacidade superior ao 33%. En resumo: empregar as táboas do IPREM para facer as bonificacións como se fixo cando se aprobaron as taxas de axuda no fogar ou as de actividades deportivas. O Grupo Nacionalista anunciou xa no pleno que formulará alegacións no período de exposición ao público.

No punto 6 aprobouse definitivamente cos votos de INTA e do PP a Memoria xustificativa da xestión directa do servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos, e pronuniciamento expreso do Pleno sobre as reclamacións presentadas

Tanto o PSOE como o Grupo Nacionalista votaron en contra porque é a mesma trapallada que presentaron desde INTA hai un mes, sen ningún cambio e cos informes desfavorábeis tanto da Secretaria como da Intervención. Fíxose, como todo na desastrosa xestión de Manuel Varela, de calquera maneira, ás carreiras... Amais, non hai seguridade de que o servizo se poda dar, de que haxa partida orzamentaria para dalo e de que non corran perigo outros servizos do Concello. Será unicamente responsabilidade de INTA e dos seus cómplices do PP, sempre dispostos a apoiar o que sexa.

No seguinte punto, o sétimo, deuse conta do Ditame do Consello Consultivo de Galiza no expediente de resolución de contrato de xestión de servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos, e adopción de acordo polo Pleno no expediente de resolución de contrato. Os argumentos presentados pola secretaria do Concello de Chantada permitirán que se lle reclamen á empresa ás cantidades que adebeda ao Concello (canon de 10 anos, reformas interiores, fianza, etc.) que en total ascenden a uns 170.000 euros. Cómpre lembrar que Manuel Varela no PP privatizou este servizo tan desastrosamente como agora pretende remunipalizar o servizo en INTA.

Sem comentários:

Enviar um comentário