quarta-feira, 5 de março de 2014

Información do pleno extraordinario do 3 de marzo referente ás piscinas municipais

O pasado 3 de marzo celebrouse unha sesión plenaria urxente no salón de sesións da Casa da Cultura ás 19 horas coa seguinte orde do día:

1.- Pronunciamento do Pleno sobre a urxencia
2.-  Declaración de prioridade, se procede, de servizo prioritario de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos do Concello de Chantada, e no seu caso, declaración de prioritarios de 8 postos de traballo adscritos ao servizo.
3.- Declaración de prioridade, se procede, de servizo prioritario da limpeza de edificios municipais, instalacións e centros educativos, e declaración de postos de traballo necesarios adscritos ao servizo.

 

Cómpre indicar que, até as once da mañá do día 3 non se enviou a documentación relativo ao terceiro punto (limpeza), sendo por tanto imposíbel estudala para posicionarse sobre a mesma. Así, no punto onde se declaraba prioritario o servizo de limpeza (punto 3) o Grupo Nacionalista abandonou o pleno como sinal de protesta perante a falta de respecto que supón enviar o expediente ás 10:47 a.m. da mañá do mesmo día en que se celebra o pleno extraordinario (por correo electrónico). Amais, até por volta das dúas da tarde non se enviou a corrección da acta do pleno, onde se falaba do levantamento dun reparo (algo importante isto, pois quere dicir que intervención pon trabas ao pago). As carreiras e as presas son as desculpas que poñen para facer as cousas así. Este tema da limpeza foi aprobado cos votos de INTA (5) e a abstención do PP (3) polo que, o que votaramos nós, non tería influído para nada no resultado final. Tomamos a decisión de marchar por respecto as formas democráticas que se deben de manter sempre.

Así, a dereita chantadina durante todo este tempo mostrou a súa completa incompetencia, a súa ausencia de disposición ao diálogo, a súa actuación de costas á secretaria e á intervención do concello e a súa total irresponsabilidade.

ARGUMENTOS do GRUPO NACIONALISTA para unha ABSTENCIÓN

 

A iniciativa que trae hoxe para o debate e aprobación o goberno municipal, declaración de servizo prioritario: instalación deportiva da piscina descuberta e anexos do Concello e a declaración de prioritarios de 8 postos de traballo, así tal e como sona. 

Como xa manifestamos noutros plenos e reiteramos hoxe, se significa facer unha xestión pública ten o apoio do noso grupo, ao menos no fondo da cuestión. Porén, o que temos que analizar non é o fondo senón as formas que se están a levar a cabo neste proceso.

Temos moitas dúbidas, demasiadas dúbidas ao respeito. Existen demasiados informes negativos tanto de secretaria como de intervención ao longo do proceso, estes informes son os que deberíamos ter en conta tanto o goberno como a oposición á hora de tomar decisións. Hoxe atopámonos con outro de semellantes características e non existen outros que os contradigan ou razóns para que non sexan tidos en conta.

Dixemos en varias ocasións, hoxe tamén que este proceso está feito ás presas e sen garantías ao menos desde o noso punto de vista. Cremos tamén que a responsabilidade será e vai ser do goberno municipal no caso de que haxa calquera tipo de cuestionamento a este proceso, así o manifestamos e así queremos que conste en acta.

Diremos, unha vez máis, que apostamos polo público, mais manifestar e explicar as dúbidas que temos á vista do informe antes mencionado:

1.- Temos dúbidas sobre se o Concello ten competencias sobre este servizo, somos un Concello de menos de 20.000 habitantes e, por tanto, se debemos ter esta competencia segundo a nova lei da reforma da Administración Local.

2.- Que tipo de relación contractual van ter os novos traballadores do Concello e como se vai facer o proceso de selección?

3.- Temos dúbidas canto á viabilidade do servizo, pois advertíusenos que debería estar feito un estudo de custes e non sabemos nada do tema aínda.

4.- No informe tamén se advirte do aumento da masa salarial dos traballadores do concello, ao menos sospeitase, e non sabemos se isto traerá consecuencias noutros servizos do Concello e nas propias nóminas dos traballadores.

Como ve, demasiadas dúbidas para un SI rotundo.

O informe da secretaría vai até máis alá do tema, ou sexa da declaración dun servizo como esencial, advertindo de algo que nós neste intre descoñecemos, o tipo de relación contractual e como se vai facer a selección de persoal. 

Xa que logo, e como conclusión, diremos que SI ao servizo público - unha vez máis - mais non nestas condicións, por tanto, o Grupo Nacionalista absterase nesta votación.



RECAPITULEMOS: como chegamos até aquí?




 1.- O día 2 de decembro de 2013, por decreto da alcaldía (Manuel L. Varela Rodríguez), desígnanse como membros da comisión de estudo do expediente de xestión directa da piscina climatizada, descuberta e anexos ás seguintes persoas: Manuel L. Varela, alcalde; José Castor Nóvoa Fernández, concelleiro de deportes; Cándida Carnero, concelleira de servizos sociais; Ramón Reinoso, portavoz do PP; Juan García, arquitecto; e Guillermo García, técnico deportivo.

2.- No pleno que se celebra o día 9 de decembro de 2013 (a mes e medio do remate da concesión da piscina, ou sexa, a mes e medio do feche e isto é literal da acta do Pleno) a documentación está ausente e chega a posteriori con cousas distintas as enviadas anteriormente. Incúmprese así o acordo do Pleno do 7 de xullo de 2011 que estipulaba como debían comporse as comisións no Concello de Chantada. Un acordo, dito sexa de paso, sistematicamente incumprido porque na mesa de contratación para a recollida de lixo tampouco formaron parte da mesma nin o Grupo Nacionalista nin o PSOE. 

3.- Vistos os informes da secretaría e da intervención está clarísimo como debería terse feito a remunipalización do servizo. É evidente que INTA non tivo en conta estes informes ao propor barbaridades como que un monitor faga de socorrista e o mesmo un técnico deportivo. Desde o Grupo Nacionalistas quérese saber que se vai facer co persoal e parece alarmante que non haxa un estudo de custes e tan só unha previsión de ingresos e gastos. Os membros non adscritos reafírmanse en facer o servizo público, mediante a súa xestión directa, mais o traballo debe facerse ben e non unha chapuza como a que INTA presentou e o PP apoiou. Xa que logo, o alcalde decidiu, dada a emenda á totalidade do Grupo Nacionalistas, retirar o punto do Pleno e formar unha nova Comisión de Estudo con integrantes de todos os grupos. 

4.- O 11 de decembro créase a nova comisión con representación de todos os grupos.

5.- O 19 de decembro de 2013 vólvese tratar o tema da xestión da piscina e, segundo a acta, "antes da explicación do presente punto, os concelleiros Piñeiro Díaz e López Rodríguez, membro non adscrito e concelleira do PSOE respectivamente, renuncian a ser membros da Comisión de Estudo designada por resolución da Alcaldía de data 11 de decembro de 2013, que modificou a composición da Comisión de Estudo designada por Resolución da Alcaldía de data 2 de decembro de 2013, tras acordar no Pleno de data 9 de decembro de 2013 que formarían parte da mesma un membro de cada grupo da oposición, dando os concelleiros como motivación da renuncia que non se contou con eles para elaborar a memoria. O señor Piñeiro Díaz, membro non adscrito, di que eles estaban dispostos a aceptar a documentación do expediente antes da unha do mediodía, mais que non lles mandaron anda. Di que se está a tratar un tema moi serio, e que as présas está a perxudicar que o procedemento, di que debe haber informes de Secretaría e de Intervención necesariamente. Di que lles parece un cachondeo todo. Di que eles están a favor de que se faga público, pero facendo as cousas como hai que facelas. Procédese a votación, sendo o resultado o seguinte: 8 votos a favor (5 de INTA e 3 do PP) e 4 votos en contra (3 dos membros non adscritos e 1 do PSOE).


 

Sem comentários:

Enviar um comentário