quarta-feira, 5 de março de 2014

Información do pleno do 9 de decembro referente ás piscinas municipais

No punto 7 acórdase, por unanimidade de todos os grupos (INTA, 5 concelleiros; Grupo Nacionalista, 3 concelleiros; PP, 3 concelleiros; e PSOE,  2 concelleiros), o envío da remisión do contrato de xestión das piscinas e anexos ao Consello Consultivo de Galiza.

No devandito pleno o goberno municipal de Manuel Varela presentou como "cuestión de urxencia" a aprobación do expediente para levar a cabo a municipalización da piscina climatizada, exterior e anexos. O PP defendeu o proxecto presentado por INTA cáseque que con máis virulencia có goberno, aínda que coa mesma pobreza argumental. O Grupo Nacionalista conseguiu, co texto que a continuación reproducimos, que o goberno retirara ese proxecto para revisalo e modificalo entre todas as forzas políticas (acordo que logo incumpriu, como de costume). 
 
 

Intervención de Ildefonso Piñeiro Díaz no pleno do día 9 de decembro no punto correspondente ás piscinas municipais

Dise, e asi o fixeron outros antes ca nós, que o ser humano é o único animal capaz de tropezar dúas veces na mesma pedra, dise, que podemos repetir erros até o infinito, só é coa nosa capacidade de aprendizaxe, coa nosa intelixencia co que podemos facer fronte a isto. A capacidade de rectificar, de asumir estes erros é o que nos fai máis sabios.

Fagamos un pequeno resumo:

En data 7 de xullo de 2011 acordouse a creación de catro comisións informativas ao abeiro do establecido no artigo 20 da Lei 7/1985 de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, sendo estas a Comisión Especial de Contas; a de Facenda, Réxime Interior e Servizos, Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade; a de Urbanismo e Medio Ambiente, Vivenda, Patrimonio, Medio Rural, Industria e, Comercio e a de Cultura, Educación, Deportes, Xuventude, Turismo, Programación de Festas, Festas e Eventos Promocionais.

En data seis de setembro de 2011 créanse ditas Comisións por Decreto da alcaldía.

1ª PEDRA:

Fagamos memoria, cando o Grupo de Goberno decide sacar a concurso o servizo de recollida do lixo, noméase unha comisión sen ter en conta os acordos antes citados, é dicir, na mesa para o estudo de dita mudanza non figuraba ningún membro dos grupos nacionalista nin socialista, esa decisión, xunto con outras, foi o que fixo que ningún destes grupos apoiara o cambio en dito servizo.

Hoxe, e aquí está a 2ª PEDRA, imos decidir sobre a municipalización da piscina climatizada, descuberta e anexos, volvendo  a cometer o mesmo erro, é dicir, pasámonos polo arco do trunfo os acordos plenarios. O día 2 de decembro, vostede, como alcalde asina un decreto designando a unha serie de persoas coma membros da comisión de estudo deste asunto (non os vou a nomear agora). Nesta, están coma representantes, dous técnicos do concello, tres concelleiros do grupo de goberno e un concelleiro dun grupo da oposición (do Partido Popular en concreto) saltándose, unha vez máis, despistada ou conscientemente aos outros dous grupos da Corporación. Así, non se pode pedir apoio neste tema como nos propuxeron na Comisión Informativa que precedeu a este Pleno. Se quere,  búscase o consenso, mais débese traballar nel desde un primeiro momento, ou sexa, hai que contar con todos desde o principio, non desde que teñen todo arranxado, o outro é ninguneo. Podería ser un xeito de impugnar os acordos posteriores.

Con todo analicemos o asunto.

No informe de secretaria podemos ler, ver, de xeito claro e concienciudo, como habería que facer este proceso, e chama atención que non se faga, senón ao pé da letra, do xeito máis aproximado posíbel. A memoria non deixa de ser un ¨panfleto de boas intencións¨ pero botamos de menos un regulamento de como é que se vai a facer a xestión, vemos incluso con certo ¨estupor¨ como hai funcións que, segundo din, se poden compartir e que a nós nos parecen incompatíbeis. 

Vexamos uns exemplos... como un monitor de natación, de musculatura pode facer funcións de socorrista? Se está a dar clases de natación, podería compatibilizar, pero que pasará cando estea dando musculatura, está fora da piscina? Non o acabamos de ver. Igual pasa co técnico deportivo, duplicidade de funcións. Recepcionistas e auxiliares de mantemento que non achegan titulación, van facer as labores de mantemento así?

A pregunta é obvia, que vai pasar co persoal?

Como saben, a sucesión pode ser de tres xeitos diferentes, legal, convencional ou contractual, cada unha delas con aspectos diferentes que habería que ter en conta.

Son moitas dúbidas que ao non estar feito ese regulamento, é normal que non as podan definir. No caso que fose unha sucesión legal, e, é algo que se di de xeito rotundo no informe, para tomar unha decisión con respecto ao persoal, debe ser determinada caso por caso, posto que se existen contratos de duración determinada que se extinguen coa contrata, non deriva deles ningunha obriga de transmisión, e se existen contratos parciais, manteranse nas mesmas condicións, ou sexa, ¨se hace necesario el acceso a los contratos del personal y a las condicionesde los mismos para poder pronunciarse esta Secretaría con Seguridad Jurídica¨. Onde están?

Segundo se le no informe ¨la decisión deberá fundamentarse en una Memoria, con datos objetivos e indicadores de gestión´, é dicir, e sempre segundo o informe,  ¨la Comisión elaborará un proyecto de Reglamento que regule los aspectos más relevantes en relación con la prestación del servicio¨. Onde están? Estes indicadores non os vemos por ningures.

No caso de que fose unha sucesión convencional, terían que ter en conta que "de acuerdo al convenio colectivo, se definirán las circunstancias en las que se considera que existe transmisión de los elementos necesarios y por sí mismos suficientes para continuar la actividad empresarial”. Xa que as obrigas derivadas do convenio colectivo non poden ser impostas á Administración, que non participou nas negociacións e non é parte deses acordos, e polo tanto non o obrigan nin poden ser invocadas para que a Administración as aplique.

Incluso, e coidamos que habería que ter en conta, non houbo acceso a informacións que deberían estar en poder do Concello para poder tomar esta decisión. Que un grupo de goberno poda obviar isto antóllasenos cando menos curioso…é dicir, debe determinarse o grao de xestión da empresa adxudicataria en relación co inmoble, isto é, se o contrato de xestión de servizos públicos na súa modalidade de concesión realmente cumpre os requisitos que a xurisprudencia e a doutrina esixen para que poida considerarse como tal, ou se o é unicamente de xeito nominativo. No informe podemos ler, ¨éste extremo ha de ser tenido en cuenta por el Pleno ya que esta Secretaría no ha tenido acceso a documentación que se refiera a cómo ha incidido ese inmueble en la gestión del servicio¨.

Porén hai máis, hai un segundo informe que ao noso modo de ver tampouco se analizou en profundidade, o de intervención.

Nel podemos ler que tanto os ingresos derivados da xestión como os gastos, son novos e que polo tanto non se atopan regulados en orzamentos, é de obrigado cumprimento facer ou ben un novo orzamento ou unha tramitación dun crédito extraordinario ou suplemento de crédito, cando pensan facer este trámite? Estase traballando no tema? Ou imos ter que confiar unha vez máis na súa palabra, que por certo non está a moi boa altura. No derradeiro pleno dixo, ao respeito das contratacións de monitores de tempo libre e de limpeza, que non o ía facer máis e non pasou máis que un mes para ver como se ampliaron contratos, unha vez máis por decreto e a pesar do dito no pleno, ten que entender que non nos fiemos moito.

O informe neste caso é moi claro, de non tramitarse a modificación orzamentaria ou a non aprobación do orzamento implica que non existe crédito para os gastos a efectuar polo que non se poderán adquirir eses compromisos, incluso avisa da nulidade do proceso e de responsabilidades que se podan derivar.

O Grupo Municipal Nacionalista reafirmase no compromiso co público pero non así, un servizo público, a municipalización dun servizo debe facerse dun xeito claro, cumprindo coa norma e coas suxestións que se din nos informes, que para iso se fan, para iso se traballa neles e para iso se piden, para facerlles caso, sen deixar un só resquicio para a súa inpugnación, dun xeito escrupulosamente nídio, doutro xeito o que se vai facer é unha chapuza.

Cando unha administración pública desenvolve o labor para o que foi creada , a de servizo , e no caso da administración local con mais rigorosidade aínda pola súa proximidade coa cidadanía, o desenvolvemento de ditas funcións deben estar garantidas pola legalidade dos procesos necesarios para ofertar servizos de calidade. O financiamento, o persoal e o labor que prestan debe estar no marco xurídico oportuno, pois os concellos non son empresas privadas dos políticos de quenda, son institucións dos cidadáns, para os cidadáns e sufragadas cos impostos directos e indirectos dos cidadán.

Nós ímoslle facer unha suxestión, a xeito de emenda á totalidade deste proxecto. Devólvano ao inicio, fágase ben, empecemos de cero, busquemos o xeito de levalo a cabo, busquemos ese consenso mais cumprindo coa legalidade.



Sem comentários:

Enviar um comentário